Colexios oficiais e asociacións de consultorías e empresas únense á Deputación para recuperar espazo público na provincia co proxecto Ágora
O deputado Uxío Benítez insta aos concellos a deseñar proxectos de mobilidade peonil para aproveitar os fondos da UE destinados a políticas de redución de uso do vehículo privado
01 outubro 2020
A Deputación de Pontevedra presentou hoxe aos colexios oficiais e organizacións de consultorías e empresas de enxeñería de Galiza o proxecto Ágora, unha rede de colaboración institucional cos concellos da provincia cuxo obxectivo é a recuperación do espazo público para as persoas fronte ao vehículo privado. O deputado de Mobilidade e Espazos Públicos Uxío Benítez, quixo dar a coñecer a iniciativa de primeira man ao persoal técnico, xa que é e será parte fundamental á hora de deseñar os espazos públicos nas obras executadas polos concellos.
No encontro estiveron presentes, ademais do persoal do departamento provincial de Mobilidade, o decano Enrique Urcola e o secretario Francisco Rosado, do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Camiños; o presidente do Colexio Oficial de Arquitectura Técnica de Pontevedra, Pelayo Celso Eyo Valladares, xunto co vogal Ricardo Sobral Casalderrey; Marta Gallego e Javier Sopelana, da Asociación Galega de Empresas de Enxeñería, Consultoría e Servizos Tecnolóxicos (AGEINCO), e tamén Eva González, do grupo ICEACSA en representación de ACIGA (Asociación de Consultorías e Enxeñerías de Galicia). Por problemas de última hora escusaron a súa ausencia os representantes do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia.
As e os representantes dos colexios e das asociacións manifestaron a súa intención de total colaboración na iniciativa, que cualificaron como "brillante", "oportuna" ou "ambiciosa", tendendo a man para toda actuación en conxunto xa ben no ámbito da formación, do asesoramento ou da redacción de proxectos. Así mesmo, achegaron aportacións sobre as liñas de subvencións que a Deputación dará aos concellos para a redacción de proxectos de obras recuperación do espazo público.